04/02/18

O Vigo nazi durante a II Guerra Mundial








Por Jullo E. Villarino

Non fai falta mergullar demasiado para atopar en Vigo numerosos rastros da presenza nazi durante a II Guerra Mundial. E é que tras a Guerra Civil, as Rías Baixas e en especial a súa capital, Vigo, cobrou unha importancia xeopolítica sen precedentes, acrecentada pola inminencia dun conflito bélico a nivel global.

A proximidade das famosas minas de wolframio facían de Vigo un porto de referencia, pero o que realmente interesaba da ría era a súa capacidade como porto refuxio e o seu posicionamento xeográfico no centro da fachada oriental do Atlántico. Para mostra un exemplo: durante a invasión de Polonia, en setembro de 1939, ate o 10 % dos cargueiros de toda a frota alemá gardou refuxio en Vigo.

Xa desde o 1933 (ano da vitoria de Hitler nas eleccións alemás) a presenza e influencia do Partido Nacional-Socialista Alemán mostrábase como relevante. A colonia alemá en Vigo contabilizábase en máis de 200 persoas, moi cohesionadas e de grande influencia social. Desde finais do século anterior (1896) a Deutsche Atlantische Telegraphengesellchaft -a importante multinacional de cable alemá- abría as súas portas en Vigo e con ela a instalación de técnicos, directivos e xestores.

Como dato curioso foron os empregados alemáns e ingleses do cabo alemán os que en 1876 deron acceso en Galicia do sport ou football, moito antes de que se teña crónicas dos partidos relacionados nas minas de Río Tinto en Huelva.

Existía ademais unha forte colonia de industriais e dalgúns comerciantes atraídos pola liña regular marítima que unía Vigo con Hamburgo ate o inicio da Guerra Civil, coa instalación da naviera xermana correspondente. Moitos destes empresarios deixaron a súa pegada no perfil industrial actual de Vigo como son a tenda de ortopedia Küne, as empresas navais dos Kindling ou os Meyer, a firma química Vorkauf ou a tenda de electrodomésticos Steinbürggen, que perviviron no tempo.

Pero foi en marzo de 1916, coa declaración de guerra entre Alemaña e Portugal cando os alemáns foron expulsados da nación lusa e Vigo impulsou a súa colonia alemá de forma exponencial. Os grandes industriais e comerciantes instaláronse en Portugal, pondo homes de palla nas súas empresas e mantendo o control dos seus negocios por proximidade xeográfica. Créase ademais un Fogar Alemán na rúa do Príncipe, sendo este local o principal punto de visibilidade alemán na cidade.

Vigo presentaba entón unha notable colonia, instalada ademais nos mellores postos da alta sociedade olívica. Como mostra un exemplo, durante a Primeira Guerra Mundial, instalouse na rúa Colón a chamada "Pasaxe do Faro" onde, a falta de prensa escrita actualizada e radio, anunciábanse os avances de Alemaña na contenda en pizarrons e pancartas. Lembremos que Vigo é a única cidade española, xunto a Tenerife, mencionada no Tratado de Versalles que pon fin á primeira contenda mundial e reflicte a relevancia para Alemaña do enclave galego.

Co ascenso de Hitler ao poder podíase ver a relevancia desta colonia na visibilidade de cruces gamadas polas principais vías de Vigo, e no famoso Colexio Alemán (fundado no ano 1910) creouse a primeira sección das Mocidades Hitlerianas de Vigo, á marxe das Mocidades da Falanxe, presentes xa en Galicia. No Teatro García Barbón proxectouse a película xermanófila "O triunfo Nazi en Alemaña". Instálase en Vigo un consulado, que posteriormente sería centro neurálxico da influencia dos nazis na cidade, cos seus propios funcionarios da Gestapo.

Coas primeiras tensións internacionais, as minas galegas de wolframio (Beariz, Varilongo ou Fontao) aumentan a súa relevancia. Establécese unha repartición igualitaria pola neutralidade do país propiciada por Franco, pero de igual forma o importante mercado clandestino ten en Vigo uno dos seus puntos neurálxicos de saída. Había fondeadeiros clandestinos de embarcacións alemás nas Illas Cíes e nas proximidades de Rande, onde os restos dun embarcadoiro en Chapela aínda se coñecen como "a fábrica do alemán".

Un dos exemplos máis visuais do poderío nazi en Vigo foi o embarque, o 26 de maio de 1929, da Lexión Condor. O goberno franquista local quixo manifestar o seu apoio ás forzas alemás e estableceron un desfile militar sen precedentes, presidido polo xeneral Antonio Aranda. Presidiu todos os festexos a cruz gamada, e o desfile, de cinco mil soldados nada menos, discorreu pola Porta do Sol, o Farol de Alfonso e a baixada da rúa Urzáiz, ata chegar ao Berbés, onde as lexións embarcaron en ata cinco transatlánticos: o Wilhelm Gustloff, o Deutsche, o Stuttgart, o Sierra Córdoba e o Robert Lei.

É en Vigo onde Alemaña establece en 1942 unha base permanente de subministración de combustible, co cargueiro Bessel que se establece no medio da ría. O nome en clave da cidade olívica, para as comunicacións abertas, era "Bernardo". As embarcacións alemás podían parar nas  súas proximidades e obter subministración e carga de combustible en tempo record. É certo que en Vigo estableceuse un porto de refuxio neutral, e que ambos os contendentes podían recibir auxilio e apoio durante 24 horas, tras as cales debían abandonar o porto refuxio. Pero non deixa de ser evidente que Vigo era un porto moito máis relevante para o bando nazi.

Á calor da anterior base petroleira, os nazis establecen na ría de Vigo un dos seus principais puntos de encontro para a súa frota de submarinos U-Boots. A ría de Vigo, lembremos nome en clave "Bernardo", era a gorida dos lobos, como a chamaba o comandante Doenitz, xefe da frota, que tomaba Bernardo como un dos puntos fundamentais para as súas mandas de lobos no Atlántico.

Hai presenza actual de polo menos tres pecios afundidos nas proximidades de Vigo. O U-506 afundido polo avión norteamericano Liberator, provocando 48 mortos. O U-134 afundido pola RAF fronte ás Cíes. O U-523 afundido por dúas fragatas británicas, con 17 mortos. outros tantos pecios localizados atópanse na ruta que vai desde Vigo ata Baiona e A Garda. É evidente que a ría de Vigo viviu sanguentas batallas navais e que aínda que en terra gardábanse as formas pola neutralidade establecida polo réxime franquista, a complicidade das autoridades era evidente.

De feito, as listas presentadas tras a Segunda Guerra Mundial revelaban a importante presenza de espías alemáns en Galicia, con base no consulado de Vigo, asociados ás importantes vinculacións da cidade con Suramérica e Portugal. Algúns con nomes tan relevantes como Alten Meyer, Thomas alias Walter Gieze, Alfred Shulz ou Eduard Arnold. Nazis protexidos posteriormente polo réxime franquista. Ata unha trintena de nomes foron establecidos como rede de espionaxe en Vigo, tras os interrogatorios en Nuremberg.

Tal era a importancia de Vigo, tamén en clave de información que se revelaba como o punto de comunicacións internacionais fundamental. Alberto Carballo, ex empregado da Eastern Telegraph Company, nas súas memorias inéditas, comenta que a diario o ministro de exteriores nazi, Joaquim Von Ribbentrop, cruzaba decenas de cables en clave con Xapón, especialmente co príncipe Konoe, e o xeneral Hideki Tojo. Os despachos enviábanse desde Hamburgo e remitíanse desde Vigo, principal liña de comunicación cos aliados en Asia, tras cifralos coas famosas máquinas Enigma ou Lorenzo.

Pero é tras a Segunda Guerra Mundial cando Vigo alcanza, curiosamente, un papel máis relevante na historia europea. Os altos mandos alemáns poñen en marcha a operación ruleta (Der Spinner) que trataba a fuga e posta a salvo dos altos mandos e oficiais nazis a países neutrais. Vigo, como principal porto cara a Sudamérica, tivo un papel fundamental nestas viaxes transatlánticas, ante a pasividade complice do réxime franquista.

Non obstante, moitos mandos alemáns ocultáronse e viviron en Vigo e as súas proximidades; como Walter Kutschman, un dos carniceiros dos campos de exterminio que residiu baixo identidade oculta en Vigo durante varios anos ata fuxír a Arxentina; Heinz Ger Sauer, Comandante da Gestapo que residiu en Soutoaxuste (O Viso) ou Roderick Prince Mann, xefe dos servizos de espionaxe en Galicia que residiu en Sabarís (Baiona) ata a súa morte.

En calquera caso falamos dunha moi potente presenza do réxime nazi na cidade de Vigo, da que quedan elementos materiais, restos fundamentados e unha multitude de bibliografía, tristemente espallada e en moitos casos perdida. Un pasado case descoñecido para a gran maioría dos veciños da cidade que non merece o esquecemento a que se está condenando este capítulo da historia local.

Bibliografía:
Baena, Ana. "Cuando Hitler mandaba en Vigo". Artigo publicado en Atlántico Diario,
Cabanelas, José Ramón. "Vía Vigo"
De Blas, Ceferino. "La huella Alemana". Artigo publicado en Faro de Vigo,
García, Antonio. "La ría de Vigo, el eslabón oculto de Hitler".
Giraldez Lomba, Antonio. "Vigo e a súa colonia alemá durante a Segunda Guerra Mundial".
Meyer, Eliah. "The factual list of nazis protected by Spain"
Moreno, Rafael. "El misterio del submarino nazi de las Islas Cíes". Artigo publicado en ABC
Orio, Manuel. "U-Boots baixo as augas de Vigo"
Prego, Carlos. "Así era a embaixada nazi en Vigo". Artigo publicado en Faro de Vigo
Quiroga, Xavier. " Izan ou dá saca"