29/01/18

O presidente Feijoo visita oficialmente Israel


Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) felicitámonos de que finalmente a nosa proposta feita por vez primeira hai xa 11 anos, e pola que levamos traballado dende a nosa propia constitución no ano 2006, vexa finalmente a luz. Porque con certeza haberá un antes e un despois nas relacións entre Galicia e Israel após a viaxe do presidente galego a Israel.   

O presidente Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde realiza durante esta semana unha ambiciosa viaxe oficial a Israel na que ademais das importantes citas económicas manterá tamén unha xuntanza en Xerusalén na Knesset (Parlamento israelí) co seu presidente, Yuli Edelstein.
A iniciativa ten coma obxectivo principal promover Galicia en Israel como un lugar onde existen importantes sectores estratéxicos que co apoio da Xunta están impulsando a innovación e a Industria 4.0, ao tempo que se está fomentando a captación de investimentos. Deste xeito, a delegación galega que chegou onte martes a Israel estará formada tamén por unha vintena de centros tecnolóxicos e empresas dos sectores da aeronáutica, automoción, robótica, biotecnoloxía, TIC e agroalimentario.

A axenda da viaxe de tres días de duración estará centrada en foros e encontros empresariais. Salientar entre os actos programados unha xuntanza empresarial, que se celebrará o martes en Tel Aviv, entre empresas de Galicia e Israel.

Cómpre resaltar tamén a visita o xoves a capital israelí, en Xerusalén o presidente galego visitará o OurCrowd Global Investor Summit, un evento no que se darán cita importantes investidores, o que permite xerar oportunidades comerciais ás empresas que participan. Será, polo tanto, unha importantísima vía para difundir o ecosistema de emprendemento e innovación que existe en Galicia. No eido da innovación, a misión comercial permitirá dar a coñecer en Israel o Plano Galicia Innova 2020, unha iniciativa que mobilizará 1775 millóns de euros ate 2020 co obxectivo de impulsar a actividade económica e industrial, o que redundará na xeración de emprego e innovación. Un exemplo recente do impulso que Galicia está dando á innovación, é o desenvolvemento da primeira incubadora galega de novos fármacos, pioneira tamén en España, na que a Xunta conta coa colaboración da empresa Janssen e da Fundación Kaertor. Esta aceleradora fará de Galicia un polo de innovación aberto ao descubrimento de fármacos, atraendo a Galicia o mellor talento e favorecendo a captación de investimentos, a transferencia de coñecemento e o espírito emprendedor, buscando que novos fármacos logren chegar ao mercado. 

Neste sentido, a viaxe a Israel tamén servirá para informar da aceleradora Business Factory Auto (BFA), na que están implicados todos os axentes da automoción galega e coa que se estima unha mobilización de 20 millóns de euros ate 2020. Durante os diferentes foros e encontros empresariais programados, a Xunta dará a coñecer a nova Lei de implantación empresarial, que ten como principal reto fortalecer e mellorar a competitividade do tecido empresarial afincado na Comunidade e atraer, ao mesmo tempo, novos proxectos con máis simplificación, reducindo á metade os prazos de tramitación, manténdose todas as garantías e ofrecendo máis facilidade para acceder a solo industrial e máis incentivos fiscais para favorecer a chegada de novas firmas coa colaboración das administracións locais a través dos Concellos Emprendedores.

Neste mesmo eido, para facilitar a captación de novos investimentos, a Xunta informará de que conta coa Oficina Doing Business, unha plataforma pública online que se constitúe como unha canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar novos proxectos.

En definitiva, a misión comercial a Israel busca novas vías de investimento, colaboración e alianzas estratéxicas nun dos mercados máis punteiros a nivel internacional como é Israel, unha gran potencia en solucións innovadoras para a agricultura e a alta tecnoloxía, ámbitos tamén estratéxicos para o futuro de Galicia. De feito, as exportacións galegas a Israel aumentaron no 2016 un 23% máis que en 2015, cuadriplicando as rexistradas en 2009. En 2016, ademais, 121 empresas galegas exportaron ao Israel, un 70% máis das que o facían oito anos antes.